Friday 26 de April de 2024

A entrada en funcionamento cara ao vindeiro curso do novo CEIP de Culleredo coloca a este concello á vangarda de Galicia


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe as obras, a piques de rematar, e que supuxeron un investimento de catro millóns de euros 

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou as obras do novo Centro de Educación Infantil el Primaria (CEIP) do Burgo que situarán a Culleredo na vangarda dos concellos de referencia en canto aos equipamentos educativos en Galicia, garantindo unha oferta lectiva de calidade suficiente para cubrir as necesidades nos vindeiros anos. Rodeiro estivo acompañado na súa visita polo alcalde, José Ramón Rioboo, e o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Indalecio Cabana.

O colexio, practicamente rematado, ocupa unha parcela de algo máis de 14.000 metros cadrados, está situado na avenida de Rutis, ao carón do campo de fútbol do Olímpico, executouse nun prazo de 16 meses e supuxo un investimento de catro millóns de euros. Entrará a funcionar o vindeiro curso e ten capacidade para dúas unidades por cada curso, polo tanto, un total de 18 unidades, entre infantil e primaria, cunha capacidade global de 450 alumnos. Dispón de dúas pistas polideportivas de 40×20 metros, unha delas cuberta, un patio específico para educación infantil, pavimentado en caucho, cunha parte tamén cuberta por un soportal. Ten tamén un aparcamento e toda a urbanización de beirarrúas, ramplas, e escaleiras necesarias para o correcto uso e funcionamento do colexio.

Na planta baixa atópanse seis aulas de educación infantil dotadas de baños compartidos cada dúas, con saída directa ao patio desta etapa. As 12 aulas de primaria atópanse na planta primeira, xunto con catro aulas para desdobres e apoios educativos, todo elo cas superficies regulamentarias. O ximnasio da planta baixa ten unha superficie de 181,55 m2, o local destinado ao comedor ocupa 245,80 m2, a sala de usos múltiples ten 159,85 m2, e a biblioteca, de 109,50 m2, conta con unha zona diferenciada dedicada a ordenadores.

Na planta alta existen ademais dúas aulas específicas de algo mais de 60 m2 cada unha, para informática e música. O equipamento complétase cos espazos necesarios para aseos de alumnos, profesores e persoal non docente, vestiarios, locais para o catering do comedor, despachos de dirección e administración, sala de profesores, local para a ANPA, e os espazos de circulación e evacuación necesarios para o correcto funcionamento do edificio.

Logo da visita, Ovidio Rodeiro sinalou que “o colexio cumpre sobradamente os estándares do máximo nivel en canto a equipamentos, espazos e superficies tanto exteriores como interiores para que a actividade docente poida desenvolverse do mellor xeito posible”.